Opinión

Douche os meus ollos

Douche os meus ollos para que vexas ben. Lembrade que moitas veces non sabemos ver. Non sabemos ver máis alá do que nos importa. Tampouco sabemos ver máis alá do atranco, do muro. Porque non temos perspectiva de futuro. Douche os meus ollos para que vexas que os biosbardos están aí por algún motivo; quizais porque se enlean na maraña dos teus pensamentos ou porque deixan de recibir o ritmo dun tema musical e non sabes que facer. Ás veces, sen música non sabemos actuar.

Douche os meus ollos para que vexas que neles tamén hai desexo. Incluso ata pode haber un desexo lascivo. Pero quen non é malo sabendo de ti. Chegan catro palabras de orballo para alterar a luxuria dun pensamento que viaxa na distancia ata acougar á beira dunha lagoa. Douche os meus ollos para que leas neles. Por veces son suficientes dúas ou tres liñas para saber que polas noites o insomnio faise dono e señor do raciocinio. Quen razoa ante tal situación...

Douche os meus ollos para que mires por eles. E verás a ansiedade que me consume, a alegoría dunha resurrección e o tempo infinito no que o corazón latexa unha e outra vez ata atopar o consolo. Douche os meus ollos para que me vexas aquí, quieto, en silencio, e soñando co estoupido, coa explosión dunha conta atrás que chegará ou non. Douche os meus ollos para que mires ou vexas por min. Sempre hai instantes na vida nos que non sabemos mirar, nos que non nos dá por ver. Ás veces somos toupeiras.

Te puede interesar