Opinión

É a guerra

Sábese que Groucho Marx nunca dixo “Máis madeira, é a guerra” na súa película “Os irmáns Marx no Oeste”, que foi aquí, no noso país, na súa versión dobrada, cando se empregou esa expresión tan usada. Desconfíase que foi Miguel Mihura o autor da dobraxe. É igual, ante isto, estou por apostar que Donald Trump viu a película na súa versión castelá. E está a coller a frase ó pé da letra. Quere guerra con Irán, e non hai maneira. Hoxe parece que se calmaron un pouco as augas, pero estando ese personaxe polo medio non creo que tardemos moito en exclamar: é a guerra! A guerra, o último amparo dos incapaces. A guerra, a loita na que sempre perden os inocentes. A guerra, cando estoura, mata e destrúe.

Tamén o xoves, día 9, de madrugada, exactamente á 01.08 quixo estourar Baños de Molgas.  A esa hora, un pequeno tremor de terra de magnitude 2,4 apareceu bufando desde o seu epicentro en Sanguñedo, para facer tremer e bailar obxectos e para espertar á maioría dos veciños. Un minuto máis tarde chegou outro aviso con magnitude de 2,1. É dicir, un simple tremor para ter algo de que falar polo día. A Baños de Molgas non a destrúen así como así. Tan só aquel horripilante terremoto que si destruíu Lisboa o 1 de  novembro de 1755 foi quen de que a burga deixase de botar durante un par de minutos. De todos é sabido que a burga é o mellor baremo, a mellor testemuña de todo o que acontece en Baños de Molgas. É a patroa da vila.

Volvendo á guerra, tamén semella que empezan a espertar os cans que dormen, ou sexa, empeza a armarse un desencravo entre o PSOE e Unidas Podemos. Un anuncia a destempo; outro víngase con exceso. E estamos empezando. Oxalá acabe aí a cousa e que non lle dean ás ós das dereitas, que estes axiña aproveitan calquera abertura, calquera posibilidade para asaltar á que pensan que é a súa patria. Sempre se consideraron moi patriotas. Para isto tamén teño unha cita cinematográfica, unha que asoma na película “Sendeiros de gloria” (quizais o filme máis antimilitarista de toda a historia cinematográfica): “O patriotismo é o derradeiro refuxio dos covardes”. Empecemos ben o ano e pasemos do “é a guerra” ó “aquí paz e despois gloria”.

Te puede interesar