Opinión

E escribín

Penso. Actúo. Escribo. Borro cun rotulador vermello o título dunha canción que teño por aquí nun listado. Vexo algún que outro vídeo cos que escacho coa risa. Xa teño dito que son de risa fácil. Tamén sei poñer cara de ferreiro. Miro. Pateo. Escribo. Primeiro puxera taconear pero o corrector dáme erro. Busco nun dicionario e acepta taconear. Busco no dicionario da RAG, da Real Academia Galega, e comunícame que tal termo non existe. Malditos malos dicionarios! Por certo, pateo porque o tema musical que estou escoitando dá para iso. Escoito. Ouleo. Escribo. Onte empezou de novo a liga de fútbol e inaugurouna o partido Éibar-Celta, co resultado de 0-0. E Celtiña segue coma o ano pasado: patadón para arriba e a correr. Non me gusta meterme cos adestradores, pero a min o Óscar García ese non me convence un carallo. E non me meto xa nos cambios que fai; seguen a permitirse cinco cambios e fixo o primeiro no minuto 76. O esperpento chegou cando medio minuto antes da finalización do partido tiña preparado a Beltrán para realizar outro cambio. 

Non quero ser rosmón, pero ou non acaba a temporada ou manda ó Celta á segunda división. Sinto. Berro. Escribo. Tan axiña como remate, largo a ver a etapa do Tour de Francia. Ciclismo puro e duro. Heroicidades sobre dúas rodas. Sangue, suor e bágoas. Emoción. Tensión. Dor. Os heroes da estrada. Pensei. Actuei. Pateei. Escoitei. Ouleei. Sentín. Berrei. E escribín. Fin.

Te puede interesar