Opinión

É moito peor que triste

Politicamente son torto, é dicir, que teño as ideas torcidas. Politicamente, o tema semanal foi a proclamación de Quim Torra como presidente da Generalitat de Catalunya. Politicamente, hainos máis “entendidos” ca min. Entón, como son torto, non procede buscarlle tres pés ó gato, ou sexa, falar do que seica non entendo. Así é que non queda outra que falar da final da Liga Europea e das Letras Galegas. Ata rima, vedes? Para as rimas semella que non son tan revirado. E acabo de saber do accidente aéreo de Cuba (axiña se deixará de falar del porque... aquel réxime) e dun novo tiroteo nunha escola secundaria de Texas, ou o que é o mesmo, nese país no que os pais ensínanlle ós nenos a disparar antes de dicir carallo (que é o que lles ensinamos nós; pero co carallo non se mata).

Poida que o fútbol do Atlético de Madrid non namore. Pero aí está, ganando títulos. Un título pódelo ganar ó patadón. Pero varios... ó mellor non son tan malos como se pensa. O Griezmann si ten moita culpa dos éxitos, pero olliño ó seu adestrador Simeone, que para moitos será o que eles digan, pero os resultados e os títulos demostran o contrario.

Días das Letras Galegas. Que un país teña que reivindicar unha vez ó ano a súa lingua é un pouco triste. É moito peor que triste. Logo, para máis aquel, ese día o político racha as vestiduras pola súa lingua e ó día seguinte pon todos os atrancos habidos e por haber para que tal lingua non se use. Os xornais, unha marabilla: a portada chea de fermosas verbas galegas para, na segunda páxina, “se vos puxen xa non me lembro”. Ó final chegas á conclusión de que o Día das Letras Galegas é un esperpento... festivo, aínda por enriba.

O do tiroteo en Texas, xa é caer na reiteración sobre a miña denuncia polo asunto das armas. Non obstante, volvo dicir unha vez máis que lles está ben empregado; e as pobres vítimas sen ter culpa ningunha. Pero é que hai cousas, ves cousas que claman ó ceo. Ata o propio Trump, con todo o pasmón que é, tenas que ver, seguro que as ve, pero claro, quen se mete con “el poderoso caballero es don dinero”. As armas dan pasta para dar e tomar.

Sobre o accidente aéreo en Cuba; o dito: máis seguro que, hoxe, ó estar lendo isto, xa non asome nos periódicos. Son cubanos. Son doutro mundo.

Te puede interesar