Opinión

Elegancia e clase

De Cary Grant dicíase que actuaba ben ata de costas. E creo que é verdade. Poucos actores verteron, deixaron tanta elegancia e clase nas pantallas de cine e ningún outro vestiu o smóking con tanta corrección. O seu nome é sinónimo de alta comedia, de maneiras refinadas e de sorriso moi sedutor, como demostrou en “Historias de Filadelfia” ou “La fiera de mi niña”, ambas á beira da gran Katharine Hepburn. Mais, ó longo da súa carreira, tamén prestou o seu físico a filmes de intriga como “Sospecha” ou “Con la muerte en los talones”, as dúas de Hitchcock, e a películas de aventuras como “Gunga Din”.

Archibald Alexander Leach naceu o 18 de xaneiro de 1904 en Bristol (Inglaterra). Tivo unha infancia infeliz e un tanto confusa. O seu pai ingresou á súa depresiva nai nun hospital psiquiátrico cando Cary Grant tiña nove anos. Isto marcouno bastante. Foi á escola na súa cidade natal, da que o expulsaron cando tiña 14 anos por un incidente nos vestiarios das alumnas. En 1918 incorporouse a unha compañía de teatro coa que chegou a Estados Unidos dous anos máis tarde. Andou por Broadway e en 1931 pasou a Hollywood. Axiña acadou papeis en películas de éxito, como “La Venus rubia”, ó lado de Marlene Dietrich, e “Lady Lou”, con Mae West.

Cary Grant chegou a traballar ás ordes dalgúns dos directores máis prestixiosos de Hollywood, desde o citado Hitchcock ata George Cukor,  pasando por Howard Hawks ou Stanley Donen. Aínda que o nomearon dúas veces para o Oscar, Grant nunca obtivo tal premio. Despois, a Academia, como sempre, como cando sabe que mete a pata ata o fondo, en 1970, concedeulle o Oscar Honorífico pola súa traxectoria profesional.

Durante os últimos anos da súa vida, retirado do cine, foi executivo de diversas empresas relacionadas co mundo do cine. Dedicouse a viaxar polo mundo e por Estados Unidos. Cando se estaba preparando para unha actuación teatral en Iowa, na tarde do 29 de novembro de 1986, sufriu unha hemorraxia cerebral que, unhas horas máis tarde, lle causaría a morte á idade de 82 anos. E as teles seguen sen proxectar películas destes monstros.

Te puede interesar