Opinión

Eludindo a base

Opinión

Eludindo a base

O noso veciño Portugal leva xa un tempo no que lle temos que subir a un dedo e poñernos a bailar ó seu ritmo. Hai uns días déuselle por darnos unha nova lección. E digo ben lección porque o asunto vai sobre a súa revolución educativa. Que en vez de empezar a casa polo tellado (como adoita facer moitas veces España), empezouna por onde a hai que empezar: pola base. E dedicouse durante un tempiño a preguntarlle a todos os profesores como se podía acometer tal revolución. Somos nós os tales como para preguntarlle ó paisano de a pé como hai que facer ou solucionar tal materia, tal asunto.

A min sempre se me vén á cabeza o detalle de cando se divide algo en zonas. Por exemplo, recordo cando dividiron as zonas relacionadas coa agricultura ou coas Oficinas Agrarias Comarcais, que sempre teño na miña imaxinación un plano de Galicia sobre unha gran mesa e unha morea de xente empenándose sobre el para marcar unhas liñas imaxinarias, e xa está. E así quedaron as comarcas como quedaron; ós de Arnuíde, que lles quedaba mellor  ir tramitar os seus papeis a Maceda, mandáronos a Xinzo; algunhas aldeas de Esgos, que están a un paso de Maceda, teñen que baixar a Ourense.

Resumindo, que aquí, no noso país, ninguén se rebaixa a preguntarlle ó paisano como sería mellor realizar tal ou cal cometido. Porque non é o mesmo -outro exemplo- unha hectárea en Galicia que unha hectárea en Castela. Na maioría dos nosos concellos para xuntar unha hectárea tes que unir unha morea de fincas, mentres que en Castela ó mellor unha hectárea non é nin media finca. Pois ben, en Madrid ou en Bruselas tamén os imaxinei igual que en Santiago: cun plano sobre a mesa e, ale, catro raias e xa resolvemos o asunto. O paisano galego que se busque a vida coa súa hectárea, que é a mesma medida de superficie que a castelá.

En España nunca se lle preguntará ós profesores, ós ATS, ós labregos, ós mineiros, ós mariñeiros, ós que realmente saben do asunto porque o mamaron desde sempre e porque serían os máis interesados en que todo mellorase. Aquí dálles igual que unha aldea pertenza á montaña que ó val, que unha autoestrada cruce un lugar emblemático ou que un parque infantil se asente á beira dunha estrada. Viron sobre o mapa que alí había un bo sitio para o parque, e alí irá.