Opinión

En bandexa de prata

Na bandexa de prata poño catorce versos e un asubío. O soneto bailará sobre a tumba da conciencia e o asubío impregnará o tempo de melancolía. Porque a melancolía é o pracer de estar triste. Non estou triste. Só era un dicir. De cando en vez gústame meterlle un seu aquel ás cousas e algo de filosofía, aínda que esta brille pola súa ausencia. En bandexa de prata preséntoche a ti, a calquera, o meu corazón coas veas abertas. Aínda latexa. Mira que son besta. Menos mal que, eu, aínda non vexo mortos.

En bandexa de prata presento aquela novela barata que nunca escribirei e deixarei caer tamén unha pinga de orballo para que me sirva de consolo. A aflición non ten por que formar unha lagoa. Quen está aflixido? Cos bambáns tan bonitos que dá a vida: dun palleiro choutas a un canastro e dunha silveira a un codeso. En bandexa de prata asenta unha ilusión que vai, por exemplo, desde a lagoa de Cospeito ata os castiñeiros do Caneiro. Quen máis quen menos soña cun verme luceiro.

En bandexa de prata deixo o relato que escribín para que o tempo dite sentenza e para que aquel consolo de orballo sexa xa unha auténtica festa. Porque soñar é bonito e porque a vida é unha bágoa e dous sorrisos. Pero quen fala aquí de bágoas? A ver se lestes mal. En bandexa de prata deixade caer a mirada para ver o reflexo dunha vida curtida a causa das batallas ganadas. En bandexa de prata vos deixo.

Te puede interesar