Opinión

En pé de obras

Hoxe, por calquera concello que pases, están en pé de guerra. Digo de obras, de rúas levantadas, de limpezas xeneralizadas, de obradoiros a darlle cun sacho, de cuadrillas dálle que dálle (é dicir, danlle dous e miran cinco ou máis). Ó final va sei verdade iso que xa empeza a ser unha ladaíña... que debería haber eleccións todos os anos. Que si, oh; que aquí só se traballa cando lle vemos as orellas ó lobo. Ou cando pensamos que llas podemos ver. Porque hai algúns (hai que recoñecelo) que nin lle temen ó lobo nin rabo de gaitas; son tan intocables, que ata sen erguerse dun sofá do seu salón son capaces de acadar a maioría absoluta. Fagan obras, non fagan obras. Realicen mitins, non mitins. Inauguren actos, non inauguren actos. Pero os demais si, os demais ata chegan a arremangarse eles mesmos os pantalóns e luxarse incluso por uns cantos votos. E non lles importa. É máis, ata o fan cun sorriso moi aberto e se pode ser ante unhas cámaras da televisións ou ante unhas cámaras fotográficas, moito mellor. Quen lle dixo medo ó bulleiro! Total, só serán uns días. Ó coller a poltrona nin hai obras, nin hai inauguracións, nin hai visitas a barrios ou aldeas e nin hai paseos polas rúas afastadas do centro. Dentro de catro anos erguémonos de novo en pé de obras, e xa está.

Te puede interesar