Opinión

Entre Pasadena ou Berkeley

Raspado en matemáticas, suspenso en relixión, cero en conduta. A miña vida, así, non pode ser produtiva. Non me queda outra que marchar, que emigrar. Teño que optar entre Pasadena ou Berkeley, en California. Alá penso estudar Filosofía e Letras. Filosofía para inmiscirme, entremeterme no pensamento filosófico de Donald Trump e Letras para analizar as súas frases ó estilo de Mariano Rajoy, xunto coa análise química da lixivia. Sei que Estados Unidos dá moito de si. E Donald Trump é coma un libro aberto para examinar. Espero, confío e desexo que ós ianquis non lles importe nin lles altere moito a miña conduta. Son recatado por natureza, pero ás veces, algunhas veces confundo os cables do meu cerebro e intento conectar o azul co vermello. “La cagaste, Burt Lancaster”, como diría aquel. Mentres preparo a maleta, opto por ir a Pasadena. Non sei, semella que a palabra é máis nosa que Berkeley. Por veces son así de raro, ou de ridículo. Noto un presaxio e, zas, xa está, isto fago ou para alá vou. Cando pise terra ianqui soñarei co Gran Canón, coa Ruta 66 e co Monument Valley de John Ford. A ver, tampouco é coma para poñerme a estudar ó momento. Os raspados, suspensos e ceros non se acadan polas ansias de estudo, todo hai que dicilo. Primeiro farei un pouco de turismo e logo, si, despois de dous ou tres meses, metereime a fondo na análise filosófica do remuíño cranial de Donald Trump. Este penso que dá para un bo estudo, para unha tese polo menos. Collo o avión e marcho a examinar a psicanálise ianqui.

Te puede interesar