Opinión

O equilibrio en movemento

Quero sentar debaixo dun loureiro, pero vexo que morro cuspindo cara ó ceo. Morrer é moi triste. Xa hai uns cantos anos que morrín unha vez e notei como me levaba o demo. A verdade é que non sei quen me resucitou e por que me resucitaron. Resucitar a un morto tamén é moi triste. A ver, xa estaba todo descansado e, agora, toca andar de novo por este val de lágrimas. Desde aquela vez que morrera, non volvín morrer máis. Por agora. Xa digo que me vía morto cuspindo cara ó ceo. Cuspir cara ó ceo é o mesmo de triste que morrer e resucitar, porque o esgarro ou o esputo pódeche caer de plano sobre a túa propia cara. Si, algo noxento, pero... non cuspir para arriba, raio!

Quero vivir entón sobre a miña propia conciencia. Que adoita ser boa, aínda que ás veces tamén a leva o demo. Este personaxe fai e desfai moito ó seu antollo. E tampouco é plan ese. Imos ter que empezar a dobregarlle o rabo. A conciencia que teño sobre certas cousas, asuntos ou persoas é moi equilibrada, pois todas as mañás ó erguer intento poñela sobre unha balanza. Perdo un pouco de tempo, pero saio á rúa feliz e contento. Cando saio desta maneira os meus sorrisos son abertos, aínda que de cando en vez asoma o puto demo. Este personaxe anda que anda intentando comerme a moral, pero eu sempre o acabo vencendo. Son o heroe deste tempo. Deste tempo no que vivo. Porque, lembrade, que xa morrín unha vez. E notara como me levaba demo. Non me levou de todo porque aquí estou de novo. E coa conciencia moi tranquila, moi equilibrada. A vida debe ser o equilibro en movemento.

Te puede interesar