Opinión

Eran moitos xabarís xuntos

Tanto vai o xabaril á leira de millo que o acaba comendo. Normal. E detrás dun xabaril entrou outro xabaril, dous xabarís, unha ducia de xabarís. Deixaron aquilo perdido. Normal. Eran moitos xabarís xuntos. Que esmagan. Que corren. Que se deitan. Que fozan. Que se envorcallan. Que bonitas son as crías dos xabarís! Normal. Son crías. Todas as crías de todos os animais son bonitas. Sempre foron. Tanto foron os xabarís á leira de centeo que a deixaron toda planiña. Normal. Eran moitos xabarís xuntos. O dono da leira, ó vela, botou algo máis que pestes. O dono da leira é Leocadio Casimiro Ridruejo, O Calatrava. Chámanlle O Calatrava porque é feo coma o demo. Perdón, coma un dos irmáns Calatrava. Pobriño este!; que culpa ten de ser feo. Agora, xa se ve, serve de escarnio para burlarse doutros veciños. A cría dun xabaril botou a correr pola leira de centeo do Calatrava e pasou a unha chea de patacas, que era de Adolfo Afonso Amorodo, O Triplo A. Enténdese, non? Que bonita é a cría de xabaril! E de calquera animal, todo hai que dicilo. Detrás da cría de xabaril foron os pais do xabaril, outras crías de xabaril e os pais destas últimas crías. Total que, nun airiño, na leira das patacas do Triplo A, estaban a ducia de xabarís. Todos os xabarís. Normal.

Te puede interesar