Opinión

Escaravellar na moral

Felos que veñen e van. Carautas nas caras dos máis cativos. Tempo de Entroido. Nubes no ceo. Cambio climatolóxico ás portas. Coches que pasan coas luces acendidas. Empeza a ser noite. O repartidor dos donuts anda a descargar donuts. Un home cruza por un paso de peóns e un coche espera a que cruce o home. Videoclips na televisión da cafetaría. Outro home leva media tarde co periódico aberto e manipulando no móbil. É dicir, que nin le nin deixa ler. Odio a estes paspáns! É que os odio de verdade!

Unha cousa é que atendas unha, dúas veces ó móbil, pero outra moi distinta é escaravellar na moral daqueles que nos queremos informar de como vai o mundo. Xa sei que vai mal. Pero quero ler (por min mesmo) que vai mal. Ou quero ler (eu) que a idiosincrasia dun pasmón é igual á idiotez dun badoco. Tamén que a política de tal partido corre paralela ó sapoconcho que cruza a carreira de Bouzas en Baños de Molgas, por exemplo. Aínda que, polo atallo da Finca Fierro, tamén cruzan as tartarugas. Uns vinte minutos parado porque, por fin, o paspán deixou libre o xornal que, eu, tiña a medio ler desde a mañá. Lido o periódico, agora toca saír á rúa para cruzarme con orixinais e fermosos disfraces do Entroido. É tempo de Entroido.

Te puede interesar