Opinión

Escravitude no século XXII

A semana pasada, e falando sobre o asalto ó Capitolio nos Estados Unidos de América, dicía que parecía mentira que esas cousas acontecesen en pleno século XXI e, claro, nun país... nun país que se di que é o gran defensor de todas as democracias mundiais. 

Pois ben, en Brasil (certo, este non é un país que, hoxe por hoxe, poida presumir de ser un gran defensor das democracias, da súa democracia), que se entende que xa pertence á categoría dos desenvolvidos, aconteceu un asunto que, cando o lin, deixoume completamente pampo, perplexo e coa carraxe subíndome polas veas. Porque, sinceramente, a estas alturas e en países que máis ou menos teñen o seu aquel de... chamémoslle, primeiro mundo, que haxa escravitude é algo que non me cadra, que non me entra na mente. Certo que no caso que vou a contar, o país en por si non ten culpa ningunha (e a pesar de que Brasil durante tres séculos foi un dos receptores da escravitude africana), pois vexo e sei que é tan só un caso illado na sociedade brasileira.

Resulta que unha muller desa nacionalidade traballou durante corenta anos sen paga, sen vacacións e sen dereitos de ningunha clase. Falando claro: de escrava. E baixo a ordes dunha “profesora” de raza branca, claro. As entre comiñas son para recalcar o oficio da ama, que tamén creo que se entende que debería ter outra cultura polo mero feito de ser o que é. Aínda que tamén é verdade que hai moitos anos que precisamente dos que máis desconfío en practicamente todo é deses que presumen de ser máis espelidos que os demais seres mortais.

A brasileira responde ó nome de Madalena Gordiano e a súa escravitude seica empezou ós oito anos cando se achegou ata unha casa para pedir un pouco de esmola. A dona da casa, ó saber da situación da rapariga (unha irmá xemelga e sete irmáns máis) ofreceuse como alma caritativa a adoptala. Vaia se a adoptou! E tan caritativamente que desde aquel momento Madalena deixou de ser persoa para converterse na criada, na escrava dunha familia acomodada e na que levaba a voz cantante María das Graças Milagres Rigueira. É que ata o nome é como unha pequena burla do destino... Graças e Milagres. Remato como rematei o anterior Recuncho: en pleno século XXI!

Te puede interesar