Opinión

Esencias

Ata hai menos dun ano, unha das miñas ferramentas de traballo era un simple bolígrafo. Agora, de xubilado, unha das miñas ferramentas de traballo é unha simple bolsa da compra. É dicir, agora, ó non ter aínda netos, son o home dos recados. É certo que ergo tarde, entre as dez e dez e pico, pero despois collo a bolsa da compra e a procurar traer nela o máis esencial (por aquilo do peso; cando a compra é moita, para algo está o coche). De camiño, faltaría máis, non podo evitar ler o periódico ou periódicos tan axiña como atope o primeiro café aberto. Entro no súper. Entro na panadaría. Entro onde haxa que entrar. Coa ferramenta do xubilado colgada do ombreiro dereito. Menos mal que é pouco tempo, porque A Valenzá é pequena. Despois si xa collo outras ferramentas que usei toda a vida. En primeiro lugar, un libro; este que non falte. Non falta, por suposto. A proba é que sempre andan tres comigo. Por se aquel. En segundo lugar, o ordenador. Para escribir cousas coma esta. Para escoitar música mentres escribo e mentres fochico por unha rede social. En terceiro lugar, outra vez o libro. Porque moito ordenador cansa e a imaxinación mentres les é eterna, milagreira, extraordinaria, fabuladora, marabillosa. O resumo desta miña nova vida é fácil: a mañá faise pequena e emprégoa nos recados, cafés e periódicos; a tarde, nos libros e ordenador. Que vivo coma Deus! Para máis aquel ata me coincide co abandono da viña. Que máis podo pedir! Nada; simplemente seguir facendo eses pequenos recados que me fan saír da casa. Non vaia ser que ma caia encima! Non quero morrer esmagado.

Te puede interesar