Opinión

Os espellos do noso patrimonio

Unha vez máis é o feisbuq o que me pon en contacto cun... personaxe? Curioso e auténtico. O feisbuq e a veciñanza, claro. un día vin nesa rede social a foto dun libro que estaba a piques de presentarse no centro social o cruceiro de Ponte Ambía. Arredemo, nunha aldea do meu Baños de Molgas! Quen presenta aí? Quen é? E aí empezou todo. O libriño, se non recordo mal, titúlase “Petróglifos inéditos das comarcas de Ourense e Allariz-Maceda”. o seu autor é un tal José Antonio Gavilanes Blanco. Si, os Gavilanes sei que tamén son de (ou polo menos andan) por esa zona, coma os Rivas. así é que non houbo outra que lanzarlle a correspondente solicitude de amizade por medio do feisbuq. Aceptada esta, axiña me mandou unhas fotos duns petróglifos que estaban nese libro.

Os máis antigos serán petróglifos, pero o escudo do Real Madrid serao cando o mundo deixe de ser mundo, máis ou menos. José Antonio mandoume o escudo porque el ben sabía que eu era o que o esculpira nun penedo de Barricobos. Seica o puxo no libro (tamén me amosou algún máis doutros equipos) para explicarlle ós paisanos cómo se iniciaría un petróglifo auténtico. É un dicir.

Resulta que un día un dos seus fillos ía enfrontarse a un dos meus no pavillón do instituto Otero Pedrayo. Falamos e xa entre uns partidos e outros, e máis o feisbuq, pois o normal: que a amizade, a comunicación foise e vaise agrandando. ata o punto de lle facer esta reportaxe. Pero si, é verdade, non lla fago porque sexa un simple coñecido ou xa un amigo nin porque sexa de Ponte ambía, senón porque a súa afección non é peixe podre, non é un pasatempo calquera nun país onde só adoita haber afeccionados ó fútbol, e punto.

Pero José Antonio Gavilanes tampouco é un afeccionado calquera nisto dos petróglifos, polo menos segundo as palabras de Ambrosio Borrajo (o mestre que xa tivo o seu protagonismo noutra reportaxe miña e ó que tamén lle gusta o estudo dos petróglifos), pois case se pode dicir que os cheira desde a distancia e que ve liñas sobre as rochas ou pedras sobre as silveiras ou matogueiras que ninguén ve. Cando atopa as rochas e as liñas xa se converte nun can de presa, que non as solta nin a sol nin a sombra.

José Antonio Gavilanes Blanco é o seu nome oficial, pero nas aldeas sempre hai un extraoficial. o seu é “o fillo do Piepito”. Naceu un 9 de abril e aínda que os seus estudos non foron pola rama da Arqueoloxía, hoxe é un dos máis e mellores coñecidos catalogadores do Patrimonio Galego. Di que herdou dos seus devanceiros o respecto e a curiosidade polo patrimonio que hai por toda Galicia, en xeral, e pola nosa comarca, en particular. E hai moito.

A pesar de non ser un profesional da arqueoloxía, el, sempre que pode dispoñer dalgún momentiño, sobre todo cando visita a aldea (vive en Ourense desde hai xa varios anos), intenta dar un dos seus habituais paseos recompilando todo aquilo que lle parece digno de mención, principalmente petróglifos e muíños. Normal, é familiar e fillo de muiñeiro desde que o mundo é mundo.

José Antonio é colaborador habitual da Sociedade Antropolóxica Galega e leva publicados diversos artigos sobre petróglifos inéditos na revista “caderno de campo”. Tamén é autor do traballo “as herdanzas do tempo: Guía de petróglifos inéditos en Xunqueira de Espadanedo e Esgos”, que saíu á luz no 2013.

O fillo do Piepito colle a súa cámara, patea os monte, atopa os penedos, enche as súas fichiñas con notas e, logo, descubrimos todo un mundo antecesor, devanceiro por medio dunhas simples liñas ou debuxos que, como se verá, non son ningunhas liñas e debuxos calquera. son os mapas ou toda unha estampa da nosa vida pasada. Tanto as pedras como o fillo do Piepito son, hoxe en día, os espellos do noso patrimonio, que como se dixo, é moi rico. Só hai que descubrilo. José Antonio Gavilanes anda niso.

Te puede interesar