Opinión

Esperando aproveitar o sol

Ata agora a néboa tapaba por veces ó sol. Agora non, agora este xa está na súa máxima brillantez. Onte aínda choveu. Hoxe xeou de carallo. Climatoloxía para dar e tomar. Un asesor de Boris Johnson dubida da intelixencia dos negros. Claro, están tanto ó sol para poñerse morenos e sempre bailando que, os alpabardas, non estudan. Non toda a intelixencia vén dos estudos, pero si unha boa parte. A pesar do sol, teño os pés fríos. Certo, a mellor solución é poñerse a andar. Fareino tan axiña como lle poña punto final a isto. Se hai máis de 30 anos que se eliminou o delito de blasfemia do Código Penal, por que ten que comparecer ante a xustiza Willy Toledo logo de deixar caer no feisbuq un “me cago na Virxe” e un “me cago en Deus”? Seguro que o 90% dos que o denunciaron, ou sexa, da Asociación de Avogados Cristiáns se cagou máis dunha vez neses artistiñas relixiosos ou santorais. Espero que non me caten as pulgas ou que non me busquen as cóxegas por chamarlles artistiñas. Cabréome pouco, pero cando me cabreo... que quede aí a cousa. Vou rematar rápido, que hai que aproveitar o sol. Iker Casillas for President. Para a Federación Española de Fútbol. Sábese seguro que para o público é o seu favorito, pero, pobriño, como ousa enfrontarse, como se atreve a desafiar ó poder do aparato oficialista. Non sei, pero dáme que nas federacións deportivas hai moita mafia. Na do fútbol... ufff, pónseme un nó na gorxa. Ale, deixo de esbardallar e marcho aproveitar o sol cun libro aberto sobre as mans.

Te puede interesar