Opinión

Esperando ó final da etapa

Este martes empezou a Volta Ciclista a España. Teño que estar pendente das etapas. Sempre me gusta ver polo menos os últimos quilómetros de cada etapa. E se non podo velos en directo, intento ver os resumos que adoita facer a televisión á última hora da noite; tampouco me importa que sexa de madrugada. O caso é ver ciclismo, ese deporte apto tan só para certos heroes. Son as tres e media da tarde e sei que xa están televisando a etapa. Pero como tamén hai máis cousas para facer (porque un servidor, por veces, fai cousas), dedícome primeiro a estas e, logo, o dito: últimos quilómetros pola televisión. 

Ata que non marche para a tele podo dicir que fóra ameaza chuvia e que un tema musical da película “Cowboy de media noite” penetra polos meus oídos. Por certo, gran película. Vou intentar facer unha desas cousas que comentaba: por exemplo, asubiar con parsimonia unha canción para que viaxe nunha aireada ata o alto dos Castros e alí rematar acubillada á beira dun piñeiro. Tamén podo deixar que Henry Mancini me amose o ritmo musical de “Almorzo con diamantes” ou que un lóstrego caia moi cerca da aldea de Santo Tomé. Ás catro menos cuarto da tarde aínda teño tempo de comentar que o virus que nos está acurralando segue espallándose cada vez con máis forza. O maldito é duro de roer. Sei que nos custará vencelo, pero ó final conseguirémolo. Claro que eu, se vexo que tal, marcho para o Polo Norte. Porque o meu amigo extraterrestre aínda tarda uns anos en volver. Agora que xa fixen cousas, recollo e marcho ver ós heroes da ruta.

Te puede interesar