Opinión

Esquivar os elementos

Quero ir de aquí para acolá, pero axiña caio na conta de que terei que evitar, esquivar certos elementos. O primeiro é un mangado de fentos, ó que non me queda outra que poñerlle lume. Ós dous pasos son unhas gavelas de toxos, que cargo no carro para facerlle a cama ás vacas. Logo me encontro cunha parella de sapoconchos, que aparto con paciencia, con moita paciencia cara á unha cuneta. Outeo o horizonte e vexo un gran espazo en branco. Quedo bloqueado. Non pode ser, penso. Ten que haber algo que me corte o paso. Desde lonxe só vira atrancos. Non sei que facer. Estou en branco! Opto por chimpar un amieiro e atravesalo no camiño. Agora si, agora xa é outra cousa. Agora non me queda outra que tallar o amieiro e carrexalo cunha carretilla (hai que lembrar que o carro das vacas está ocupado coas gavelas dos toxos). Mentres vou e veño de acolá para aquí, penso ó mesmo tempo como facer para seguir esquivando os elementos. Porque sei que hai moitos máis elementos. Xa que tan pronto como me pasou o de espazo en branco e de paso que fun cortar o amieiro, subín uns metros polas súas gallas para comprobar o traxecto ata acolá. Volvía estar cheo de obstáculos. Efectivamente, non tardou en asomar un penedo que non conseguín mover nin rinchando os dentes. Aniñou en min a impotencia. Por pouco tempo. Lembrei que no carro levaba unha maza. E pouco a pouco, dálle que dálle o penedo volveuse fariña. Suaba, pero seguín. E paso a paso, metro a metro, con esforzo, cheguei ata acolá. Nunca me vencerán os elementos!

Te puede interesar