Opinión

Estamos afeitos

Xa estamos tan afeitos ós naufraxios das pateras que empezamos a pasar un pouco das noticias, das pequenas novas que saen nos xornais, porque, tamén é verdade, que cada vez ocupan menos espazo, menos liñas nas súas páxinas. Por exemplo, hai xa algúns días, en Túnez, naufragou unha patera con 81 desaparecidos e, nada, un pequeno recantiño nunha páxina dos periódicos. Se o naufraxio fose nun país “civilizado”, todos os medios de comunicación estarían analizando os por ques, os prós e as contras, a altura das olas, a madeira da patera ou a elasticidade do bote, a circunferencia do flotador, as millas que levaban percorridas e as millas ou metros que faltaban para arribar ó seu destino. Así mesmo, usarían algunha páxina máis ou algún informativo extra para distribuír ós ocupantes da patera en xénero, idade e circunstancias, para rematar, iso si, cunhas biografías exhaustivas de todos os afogados. Para concluír, por suposto, nunha calamidade chea de mala sorte. Mentres que, a realidade, amosábanos tan só un número exacto: 81 e o demais, que máis dá, eran simples inmigrantes que que carallo ían buscar a outros países. Estamos tan afeitos que nos volvemos inmunes antes as calamidades da nosa existencia. E hai moitas. Pero quen as padecen son os demais, os inadaptados, os negros, os mouros, os inferiores, os baldroeiros.

Te puede interesar