Opinión

Estes americanos...

Estes americanos... Gregory Peck quería comprar Alasca na película “O mundo nas súas mans” (1952), que desenvolvía a súa acción no 1850. Agora é Donald Trump o que quere mercar Grenlandia. Estes americanos... Pois ben, conseguírono e poida que o consigan. No caso de Alasca lográrono, pois dezaseis anos máis tarde da acción da película, ou sexa, no 1867, un alto funcionario estadounidense mercoulle a Rusia o territorio de Alasca por 7,2 millóns de dólares. E con respecto a Grenlandia, tamén nese 1867 o presidente Andrew Johnson quixo dar os primeiros pasos ou polo menos as primeiras ideas para a compra da maior illa do mundo (entendendo que Australia é a parte continental de Oceanía), pola súa situación estratéxica.

Foi no 1946 cando asomou unha “oferta” formal por Grenlandia. O expresidente Harry S. Truman ofreceulle a Dinamarca 100 millóns de dólares, en ouro, que este rexeitou. E agora Trump volve ás andadas, volve ó vezo. Ó final conseguirano. Ata penso que se non é polas boas, será polas malas. Sempre foron moi botados para adiante; ou ben polo poder dos dólares ou ben pola forza das armas. Son eles os tales... como para deixar de adquirir todo aquilo que realmente desexan. Se non compran, conquistan. Se non conquistan, arrasan. Se non arrasan é porque non lles vale para nada. Estes americanos...

Te puede interesar