Opinión

Estraña e fascinante

Alá polo ano 1997, unha película de estraña factura pero de fascinante desenvolvemento, “Cube”, puxo en circulación o talento dun insólito cineasta, o canadense (a pesar do seu nome) Vincenzo Natali. A película serviu para confirmar a férrea capacidade do cineasta para a creación dun tempo narrativo de imparable avance, algo que tamén fai, e cómo, nesta “Cypher” (2002), unha alusiva, retorcida e decididamente impresionante peripecia que fai do xogo coa realidade virtual (ou se se prefire, coa memoria) a súa mesma razón de ser.

En verdade, o filme, que conta as vicisitudes dun alto executivo dunha empresa farmacéutica inopinadamente convertido en espía de segredos de alta tecnoloxía, preséntase coma un produtivo cruce entre “Desafío total” e “Memento”. Ou o que é o mesmo, que estamos ante unha historia que xoga de maneira constante e torrencial coa causalidade e coas expectativas do espectador, constantemente tomado de sorpresa por unha trama que o zorrega, desorienta e entretén a modo.

Pero unha descrición como esta corre o risco de non facer xustiza a un filme que é moito máis que un simple xogo máis ou menos intelixente para atrapar espectadores. Como ocorre tamén noutras películas contemporáneas, aquí a reflexión formúlase a un nivel máis ambicioso: trátase nin máis nin menos de ver de qué maneira o home común, o cidadán de a pé, se ve arrastrado, incluso ó seu pesar, por corporacións que o superan e cuxo poder non é capaz non xa de controlar, senón nin sequera concibir: como poderá comprender calquera cinéfilo, non estamos moi lonxe do Hitchcock de “Coa morte nos talóns”, aquí algo máis que unha obrigada cita cinéfila.

De maneira que un filme que, é ben certo, adoece de certa previsión, convértese non obstante nun apaixonante quebracabezas presidido por un home de memoria cero, un personaxe inquietante ó cal o rostro impasible de Jeremy Northam brinda unha hipnótica calidade de desconcertante espello. Formalmente brillante e arteiramente discursivo, “Cypher” é unha das propostas máis innovadoras e interesantes que haxa brindado o cine independente norteamericano nos últimos tempos.

Te puede interesar