Opinión

Estrela que brilla, estrela apagada

Rematada xa toda a chafallada política das eleccións (os pactos para formar goberno seguro que esperarán a que finalicen as municipais) e mentres uns lamben as feridas e os outros bailan sobre as tumbas daqueles, un servidor desconecta duns e doutros para falar de fútbol e do que cadre. Sen se queixar, por favor, que xa levaba moito tempo sen falar sobre o deporte das masas. É que rematadas as eleccións, asomou polas pantallas televisivas a Liga de Campións. A Liga de Campións que, en semifinais, xa son palabras maiores. A pesar de que haxa un equipo que xogue practicamente con menores, con nenos, que semellan máis unha gardaría que un gran equipo europeo. Pero non queda outra que asimilar que o Ajax, hoxe en día, é un xardín de infancia. Hai que ter perendengues que en plena semifinal do mellor trofeo das ligas europeas asome polos campos de fútbol un capitán de equipo con tan só 19 anos. Ata case me dan ganas de dicir que oxalá ergan o trofeo aínda que sexa en detrimento do Barcelona. Digo eu que será o Barcelona porque, grazas a un deus terreal, o máis seguro é que consiga chegar á final. E se non consegue pasar cun 3-0 a favor, será porque entón non merecerá tal mérito. Pero si sería bonito contemplar un partido, o partido da final, entre uns meniños e un deus. Por certo, non será necesario dicir o nome dese deus, ou desa estrela que brilla máis alá do propio firmamento.

E cambiando de terzo, comentarei que, aínda que el o levaba ben, ten que ser algo triste ser todo un personaxe e que ninguén te coñeza. Á estrela futbolística coñéceo todo o mundo, a esta cinematográfica case non o coñecía ninguén. Estou a falar de Peter Mayhew. De quen? De Chewbacca, o querido e entrañable peludo acompañante de Han Solo nesa serie galáctica. Peter Mayhew morreu o pasado martes na súa casa de Texas ós 74 anos de idade. Aínda que el era británico, nado en Barnes, Londres. Medía sobre 2.20 e empezara no mundo do cine como o Minotauro de “Simbad e o ollo do tigre” (1977). Ó rematar volveu ó seu traballo nun hospital, pero un dos produtores deste filme quedouse cos seus datos, que axiña pasaron a pertencer a todo unha icona galáctica: a Chewbacca.

Te puede interesar