Opinión

A estrutura de dous marcos

Son as doce e media da noite e teño ganas de importunar. Quero analizar a estrutura dun marco sobre a marxe esquerda da leira de Zaqueo Ostras Embrose, a que linda coa horta de Xacinta Flor Piolla. O marco, segundo os datos que proceden duns papeis que ten O Sacho, é dicir, Zaqueo, é de granito puro duns 90 centímetros, dos que 40 (centímetro arriba, centímetro abaixo) están enterrados. E se tiramos unha corda (hoxe en día podemos dicir e usar unha cinta métrica), en liña recta e cunha lonxitude duns 50 metros, deberiamos de atoparnos con outro marco, que este lindaría co lameiro do Fulgencio, O Encendido, ó que ningún veciño da vila coñece porque de cativo marchou para Cuba (ou a Arxentina, a xente xa non lembra) ós poucos meses de nacer. Pero no catastro así constan os datos do propietario desa finca. E todos sabemos que as cousas do catastro son sagradas, incluso á unha menos cuarto da noite. Agora se analizo a estrutura deste marco, observo que non ten nada que ver co anterior (digo eu que será pola antigüidade), pois este é case un penedo rematado en punta que sobresae da terra tan só uns poucos centímetros, pero suficientes para velo. Polo demais, a ver quen é o chulo que move esa mole.

Te puede interesar