Opinión

Explícita metáfora

A película “Sueño de una noche de invierno”, do serbio Goran Paskaljevic, conta a historia dun home que intenta redimirse do horror a través dunha nena autista. Coa guerra dos Balcáns como insoportable ruído de fondo, o filme acada o premio especial do xurado no Festival de San Sebastián do 2004. Ten o filme, todo el rodado no inverno, as feituras dun contundente discurso moral e a capacidade para conmover, para que reflexionemos sobre a revirada sorte dos pobos balcánicos que o seu autor, sen dúbida, perseguía a priori. E aínda que diga que a guerra dos Balcáns está aí, non é un filme propiamente dito sobre a derradeira guerra dos noventa, senón sobre unhas consecuencias que, no fondo, poden ser as de calquera conflito, e de aí  a súa complexidade, a súa grandeza.

Goran Paskaljevic coñeceu á nena protagonista nunha escola de autistas. “Sempre me inspiraron moita curiosidade os autistas. Coñecín a Jovana e fascinoume. Púxenme en contacto coa súa familia e fixémonos amigos. Desa amizade naceu o xerme da película”. “Nun principio, a idea xurdiu da metáfora de falar do estado de autismo no que se atopa a sociedade serbia, pero o que finalmente tivo máis peso foi o encontro entre un soldado desertor quer pasou dez anos no cárcere por un asasinato e unha nena autista. Son dous seres excluídos da sociedade. O autismo é unha forma de pechar os ollos á vida, de non querer ver a realidade. Os autistas non espertan nunca”, seguiu confesando o director serbio.

Así é que “Sueño de una noche de invierno” non é máis que unha explícita metáfora para falar non dos personaxes principais, que tamén, senón dun país e dun tempo histórico no que, para seguir vivindo, os seus habitantes semella que perderon por completo a súa memoria e con ela as súas débedas, as súas obrigacións, a súa ética.

Poida que non sexa un filme fácil de ver, pero si amosa un discurso civilmente necesario, aínda que duro, desesperado, inclemente; pero tamén, e a pesar de todo, cargado de humanidade, de comprensión, de compromiso. Filme conmovedor e apaixonante.

Te puede interesar