Opinión

O explorador do claroscuro

Carl Theodor Dreyer foi o pai espiritual de cineastas como Ingmar Bergman e Andréi Tarkovski, ó levar á pantalla con estilo a angustia existencial e a problemática da relixión.

Este cineasta danés, que nacera en Copenhague o 3 de febreiro de 1889 e que falecera o 20 de marzo de 1968, é, sen dúbida, un dos maiores autores de filmes da historia. Na súa xuventude foi empregado de oficina e periodista, profesión á que volvería nunha desas etapas nas que deixou de dirixir películas.

A carreira de Carl T. Dreyer foi abondo transhumante, xa que a parte de Dinamarca, fixo filmes en Suecia, Noruega, Alemaña e Francia. Entrou no cine en 1912 como montador e guionista, ata que en 1920 dirixiu a súa primeira película: “O presidente”. Formado nunha das seitas protestantes máis ríxidas do seu país, a súa obra conserva unha airexa mística tan sobria como austera.

No formal, Dreyer participa á vez do expresionismo alemán e do realismo escandinavo, dos que a súa obra muda é contemporánea. Algunha vez comentou que se propuña sondar os riles e os corazóns, e por iso non vacilaba en mostrar as paixóns do corpo e da alma. Dreyer era un explorador do claroscuro na iluminación que puña de releve a expresión do rostro ata o máis fondo do sentimento.

Particularmente notable é o uso do gran primeiro plano, como se amosa sobre todo na súa admirable “A paixón de Juana de Arco” (1928), onde a pureza de Juana se contrapón a todos os matices da crueldade, o odio e a lascivia nos rostros dos seus xuíces. O director, ó facer repousar case todo o relato na expresión dos actores, acadou deles unha tensión conmovedora. Sábese que para aumentar a entrega dos seus intérpretes, rodou o filme na súa orde cronolóxica (algo pouco habitual no cine).

O misticismo, a relixiosidade e os seus excesos anormais, como o satanismo e a bruxería, animan varias das súas obras. Quizais a máis grande de todas sexa “Ordet (A palabra)” (1955), unha audaz reflexión sobre a fe na palabra divina. “Gertrud” (1964) tamén é unha radiografía de almas solitarias e desesperadas.

Te puede interesar