Opinión

Facer boa masa

Os tronos retumbaban por enriba das súas cabezas, pero Manasés Esqueche Malén e Úrsula Osiña Peinador non tiñan medo. É máis, en cada retumbar rían a cachón e axiña abrían a boca abraiados ante a luminosidade dos lóstregos. Detrás de cada lóstrego chegaba un trono. Eran moi cativos pero sabían isto. Os dous facían boa masa, conxeniaban incluso desde que empezaran a gatear. Vivían porta con porta e semellaba que estaban predestinados a ser máis que amigos. Manasés era tan só un mes maior que Úrsula, aínda que esta parecía máis espelida. Agora, ós cinco anos, mirábanse ós ollos e ríanse, tocábanse e ríanse, falaban e ríanse. Facían boa masa.

Os lóstregos alumeaban o ceo da capital e eles seguían coa boca aberta e ríndose a gargalladas. Non lles preocupaba a auga que empezaba a caer xa con forza, e a pesar de que se estaban empapando. Como cativos que eran, non lles preocupaba o resgardarse. Eran felices mollándose. Eran nenos. E como tales non pensaban no día de mañá. Ou si, pero coa idea de volver estar xuntos, de volver rir e chorar. Manasés Esqueche e Úrsula Osiña facían boa masa.

Te puede interesar