Opinión

Os fados de Marlene Rodrigues

A semana pasada, no noso país, desenvolvéronse as mesmas lerias que na anterior, é dicir, maquinaria electoral en marcha, o asunto de Guaidó, Maduro e o pobo venezolano e, como non, o xuízo polo tema catalán. Un servidor, como politicamente é torto, pasa un pouco de amolar á xente “ben entendida”, principalmente no asunto catalán, a maiores de que tamén, o mesmo servidor, recoñece que hai periodistas ou informadores que si entenden moito máis ca el na materia. Entón, para que enfadar á inmensa maioría. Co sinxelo que é aparcar a política e falar doutros asunto que, incluso, poden emocionar. Como unha boa actuación musical, por exemplo, rematando precisamente a semana, o venres. De fados vai a cousa. O tango leva a fama, pero coidadiño co fado. O fado xa sabemos que é todo un sentimento, toda unha nostalxia.

Os fados interpretados por Marlene Rodrigues case encheron o auditorio de Barbadás e emocionaron de tal maneira que, ó final, aquilo era máis unha festa que unha propia actuación. Marlene estivo acompañada por Rui Beirão na guitarra portuguesa, por Alex Marques no baixo e por Dario Rocha coa viola de fado. Foron 20 fados de todas as cores. Abrollaron 20 fados dos que, dous, foron instrumentais e os 18 restantes saíron dunha voz doce e portentosa, sentimental e forte, melancólica e retranqueira, portuguesa e marabillosa. Si, a voz de Marlene Rodrigues, por sorte, xa a coñecía. Porque xa a vira actuar por dúas veces con Xardín Desordenado. Aínda que por esta vez descubrín unha nova faceta dela: a súa simpatía. Con Xardín Desordenado... non sei, semellaba que non se soltaba; pero agora, sendo ela a raíña, amosaba todo un potencial simpático e incluso trouleiro, algo carallán. Ou sexa, que nos fixo rir.

Marlene Rodrigues, fuches a autovía do fado pola que, as letras, circulaban á velocidade permitida, pero os sentimentos lanzáronse moito máis alá dos 120, incluso con risco de multa. Pero quen non paga unha multa por certas emocións. E o venres emocionaches, emocionastes a todo un auditorio posto en pé para rachar con aleluias unha actuación exemplar. Obrigado, moito obrigado, Marlene. De coraçao.

Te puede interesar