Opinión

O fantasmas de Baños de Molgas

Madrugar coa noticia de que se nos foi o fantasma semella de que, por fin, se nos foron os pesadelos. O que pasa é que hai fantasmas e fantasmas. Están os dos contos e están os da vida real. O José da Alicia pertencía ó mundo real e foi o mellor fantasma que tivo nunca Baños de Molgas. Acaba de deixarnos o Aguacil. O home que revolucionou, que transformou e que “acojonou” (no bo sentido da palabra) a toda unha infancia da vila molguesa. Logo de xubilarse do seu posto de alguacil no concello de Baños de Molgas, déuselle por querer divertir ós nenos. E vaia se o fixo e o conseguiu!; non había noite de verán na que os rapaces ceasen incluso á velocidade da luz para ir a “correr o fantasma” á Aira de Arriba (que para esa infancia empezou a ser A Placita).

O tal fantasma non era outro que o José da Alicia que, cunha saba, corría detrás dos nenos por entre os recantos da aira ou por entre os canastros ou por entre os portais do barrio da Igrexa. Ó final, o Aguacil non divertiu tan só ós nenos, xa que os propios adultos gozaban vendo correr ós cativos. Sei que, hoxe, tanto nenos coma adultos estamos un chisco fóra do conto. E para máis aquel, non podemos acompañalo no seu derradeiro percorrido polo barrio da Igrexa por culpa deste COVID-19. Que a terra che sexa leve, José. Para uns serás o Aguacial, para outros o fantasma e para todos un gran veciño. Descansa en paz. 

Te puede interesar