Opinión

Fartos de Rafael Nadal

Creo que entre franceses e españois, entre españois e franceses sempre houbo unha certa rivalidade de, chamémoslle, achegamento, polo menos. Hoxe os franceses teñen que estar xa un pouco fartos de Rafael Nadal. Practicamente todos os anos é o mesmo: sempre alzando a copa dos tres mosqueteiros. Doce anos (que xa son anos) ganando o Roland Garros. Ata eu recoñezo que ten que aburrir iso, o de ver sempre á mesma persoa ganando finais e máis finais. E se non que llo pregunten ó mellor xogador da historia do tenis, é dicir, a Roger Federer, que se viu impotente ano tras ano de vencer ó español. Creo que digo ben ó dicir o mellor xogador da historia. Nadal é moito Nadal, pero Federer, ai Federer, iso xa son palabras maiores, moi maiores. Ata hoxe teño que deixar caer un canto a favor de Dominic Thiem, que, o pobre, plantoulle cara a Nadal e logo de xogar durante catro días seguidos, que iso, quéirase que non, desgasta. E o desgaste tivo que ser dobre só con saber que tiña enfronte a unha máquina de moer, de triturar sobre terra batida. Tamén son dos que digo que Thiem acabará ganando algún Roland Garros. Ou máis. Perdín media tarde de lectura ou de escritura, pero, que demo, mereceu a pena ver a ese portento baixo o ceo de París. Si, definitivamente, os franceses teñen que estar fartos del.

Te puede interesar