Opinión

Filme de autor

Sobre a película “Espartaco” (1960) correron xa ríos e ríos de tinta porque, quéirase que non, é algo máis que un película de romanos. Que siga a tinta correndo polo río deste cinéfilo dicindo que o seu director, Stanley Kubrick, soubo combinar no filme o espectáculo épico, propio dese xénero, con fortes reflexións sobre o poder, a liberdade e a dominación do home polo home. Polo que se pode dicir moi perfectamente que Kubrick converteu a “Espartaco” nun filme de autor. Semella que foi en 1955 cando o seu actor, Kirk Douglas, empezou a poñer o pé nese monumental proxecto. Para iso, fundou a súa propia produtora e mercou os dereitos da novela, que escribira Howard Fast. Por certo, un autor que estaba na lista negra ianqui polo seu pasado comunista. Kirk Douglas tardou máis de tres anos en ter todo a punto. A Universal botoulle unha man e entre esta e a compañía de Douglas acadaron a cifra de 12 millóns de dólares, que non era moco de pavo para ese inicio de década.

Sobre a historia do guionista, Dalton Trumbo, tamén se escribiron ríos de tinta, porque este escritor era outro dos acosados, dos perseguidos por ese mal bicho chamado McCarthy. A esa etapa sempre se lle chamou “a caza de bruxas do senador McCarthy”. E aí houbo que recoñecer que Kirk Douglas tivo o que hai que ter; buscando a ese guionista e sabendo perfectamente na situación que estaba. Lembrar que nesa etapa ser amigo de, ou defender a, ou falar con eses represaliados era case ou sen case coma condenarte ti mesmo. Douglas botoulle iso.Para dirixir a película, Kirk Douglas pensou en David Lean e en Joseph L. Mankiewicz, mais a Universal (a que lle botara unha man) impúxolle a Anthony Mann. Non obstante, axiña quedou claro que Mann e Douglas non se entendían, polo que aquel non tardou en marchar ó paro. Foi entón cando Kubrick entrou no proxecto. 

Kirk Douglas xa traballara con Stanley Kubrick en “Sendas de gloria” (1957), unha obra mestra sobre o antimilitarismo. Cando Douglas o quixo para “Espartaco”, Kubrick estaba intentando poñer en pé o western “O rostro impenetrable”, con Marlon Brando. Aí estaban dous monstros que se repelían, polo que o director axiña desistiu para marchar a rodar “Espartaco”. Para a seguinte columna falaremos desa rodaxe.

Te puede interesar