Opinión

Filme que engancha

A Antártida é claustrofobia e agorafobia á vez. Como dúas persoas nunha cama”, di a voz en off de Kieran O´Brien na desconcertante película “9 songs” (2004), unha máis para confirmar o talento esquinado e a contrapelo do británico Michael Winterbottom. Xamais unha película súa semellouse á anterior, e esta, desde logo, non é ningunha excepción, e en nada se asemella ó conxunto da súa produción ata a data.

A Antártida exerce no filme o mero papel de cemento para pegar as secuencias que a anteceden, ou que a preceden: é só a ocasión para a metáfora. Porque o certo é que “9 songs” fala ante todo doutra cousa: da vida cotiá de dous amantes, sexo (moito sexo) incluído. E sexo explícito; parecería como se Winterbottom tivera como especial aposta, á hora de construír o seu discurso, a ruptura dos límites habituais do que se pode dicir en cine.

Por iso o filme chegou precedido por unha polémica que calquera moralista non deixará nunca de entender: que se as felacións, que se as exaculacións... E, non obstante, a verdadeira aposta narrativa da película non é outra que plasmar o día a día de dous amantes, de dous mozos de hoxe mesmo (ela, moi nova, só 21 anos), a súa vida cotiá sinxelamente banal, só apta para os que a viven, non para os que a contemplan.

Por iso o gancho das (ocasionais) drogas e as cancións, as nove do título, outros tantos temas de rock (ou non tanto; tamén hai lugar para un concerto de Michael Nyman) que enlazan existencia de ambos.

Quen son os amantes, é o de menos: de feito, non sabemos practicamente nada do que vai facer o protagonista na Antártida, nin cales son as súas expectativas vitais, incluso emocionais da protagonista (Margo Stilley), máis alá dalgunha que outra raia de coca, dos concertos ós que vai co seu amante. O filme engancha; pola temática, polas cancións, polo seu creador e, como non, polo escándalo.

Te puede interesar