Opinión

A filosofía Molguesa

Xusto a tempo. Xusto a tempo chegou a vitoria do Huesca sobre o Granada (3-2) e a titularidade de novo do noso David Ferreiro. É que xa estaba a piques de acusar a Pacheta (José Rojo Martín) de ser un cancro para a filosofía molguesa. Desde que chegou este adestrador ó banco do equipo do Alto Aragonés, non se lle dá por mandar á suplencia ó noso rapaz. Onde se viu outra! Se comentaristas, xogadores e xornais de Aragón estaban e están de acordo en que David Ferreiro é unha das máis importantes pilastras ou pontóns para manter en pé ó equipo que non quere reblar nunca. Xa lle ía cantar as corenta ó adestrador por non entender a nosa filosofía.

A filosofía molguesa consiste simplemente en seguir e animar a morte ó noso neno, a ese rapaz que lembro un día no que lle tocou o violo ou no que lle consumiu os folgos ou no que lle amargou a vida a Álvaro Odriozola, que non é que sexa nin un galáctico nin unha estrela, pero que si é xogador merengue, que non é moco de pavo. E que un home que fixo bailar á defensa de todo un Real Madrid levase uns cantos partidos na suplencia, iso si que non, señor Pacheta. Os de Baños de Molgas non llo permitimos. E se non, xa viu, aí tivo a proba nese Huesca-Granada citado: que entrou de titular e ganaron o partido. Entende, señor Pacheta? A ver onde estaba o cancro... Que a nosa filosofía será pobre, pero élle unha filosofía aínda mellor que a de non reblar. Consiste en afoutar, animar e alentar ó noso David Ferreiro. Consiste en correr incluso con el, facer xestos de darlle ó balón coma el, e regatear coma el e dar asistencias coma el, e marcar coma el. Non hai mellor filosofía que a molguesa.

Te puede interesar