Opinión

Folios en blanco

Coloco ben os folios e fago un paquete con eles. Os folios están en branco. Todos están en branco. Penso enchelos con palabras de orballo e con tinta de folgura ou de desafogo. Escribir, ás veces, libera a alma. Tamén o espírito, si. Para algúns, escribir é coma refuxiarse na covardía dun desexo. Por veces, non queda outra. Escribir tamén é percorrer un camiño cheo de atrancos; cada palabra chouta sobre un obstáculo, cada liña sobre un impedimento e cada parágrafo sobre unha prohibición. Por certo, a escritura debería ser libre. Ten que ser libre! Sen liberdade nunca alcanzaremos o edén dos soños, o paraíso da realidade. Xa enchín unha ducia de folios; con palabras cuspindo unha ansiedade platónica que está aí, día e noite, eterna; con palabras que, algunhas veces, confunden pero tamén con elas clareamos o sen sentido do pensamento. E aínda que ás veces non nos saibamos explicar ben, seguro que cando cheguemos ó punto final todo quedou resolto, grazas á procura dunha boa colocación desas mesmas palabras que nos confundiron, que nos enganaron. Sabedes que hai palabras, moitas palabras con dobre sentido. Sigo collendo folios en branco para escribir sobre o alento dun encontro e sobre a boaventura dunha presenza. Porque hai sombras que se pegan e que nos levan ata o oasis da felicidade eterna. Un cento de folios xa están escritos. A covardía asomou logo de darlle a un teclado e logo de deixar caer pingas de orballo, estas pingas de orballo que xa serán inmortais. Hai sentimentos que hai que acochalos e arroupalos entre as liñas dun papel escrito.

Te puede interesar