Opinión

Fórmulas para acatar a constitución

Creo que foi o venres pola mañá cando estaba a ler os xornais nunha cafetaría, que oín e vin pola televisión (tamén xa oíra algo na radio) todo o barullo que asomou na sesión de constitución do Congreso a causa do uso das fórmulas dos deputados electos para acatar a Constitución. Uns prometían, outros xuraban, uns cantos falaban da morte da burra e os menos reclamaban o seu. Case coma nun galiñeiro. 

Non obstante, e para un servidor, que máis dá como formulen o seu acatamento, se despois ninguén, absolutamente ninguén cumpre co que di a Constitución. En principio, xa nin deberían realizar esa opción de “pasar lista”, pois enténdese que cando se anotaron nas listas dos partidos e cando saíron nomeados logo das eleccións xa sabían para que era. E xa deberían saber o que representa a Constitución. Claro que, a Constitución, calquera Constitución, neste caso que nos ocupa, representa o mesmo que a Declaración dos Dereitos Humanos; polo que todos os españois e calquera habitante deste planeta Terra cun chisco de entendemento non cumprirán coa maioría ou case con ningún dos artigos cos que se redactaron unha e a outra. Porque sempre prometemos e nunca cumprimos. Case é lei de vida. Así é que gastar os cartos nunha sesión para formular algo que ninguén vai cumprir é unha das maiores pallasadas da nosa democracia (e da inmensa maioría dos países). Case é normal que dea pé para que cada deputado solte a “gran parida” que leva dentro. Isto é coma aquel que vota escribindo algunha parvada na papeleta, sabendo que será voto nulo. Pero claro, o caso é deixar a marca, o sinal. Uns pásanse por patriotas e outros intentan arar nas súas leiras. Co bonito que sería que chegaran, que se sentaran e que se puxeran a falar.

 Pero a falar dos artigos da Constitución, dos problemas do país, das solucións a eses problemas. Ai, que bonito é soñar esperto! Seguro que o 70% dos elixidos nunca leron enteira a Constitución. Ata estou por apostar que nin o preámbulo. É igual. Saben que son españois e que teñen que corroborar sempre o que diga o xefe ou o seu partido, teñan ou non razón. E sempre, sempre hai que votar en contra do que digan os contrarios, tamén teñan ou non razón. Tanto barullo para tan só levantar unhas mans...

Te puede interesar