Opinión

Fresco e orixinal

Agora que Kenneth Branagh está empeñado en tirar pola borda a súa carreira como intérprete e cineasta a través de malos papeis que non lle chegan á planta dos pés, é o actor, escritor e director Oliver Parker un dos poucos autores co valor suficiente para levar á pantalla as mellores obras literarias británicas. Non obstante, e como xa lle ocorrera a dúas das súas películas anteriores, “A importancia de chamarse Ernesto” (2002), en versión de Parker, adoece bastante dun certo academicismo. Pero aínda así, a película mantén todo o bo que debe posuír unha adaptación deste calibre. O filme sorprende pola súa frescura e orixinalidade, pese a respectar case con absoluta fidelidade o texto do seu autor. A definición dos personaxes é perfecta ó igual que o retrato de todas as anécdotas, situacións e pensamentos pintorescos que pasan velozmente polas súas vidas como un torrente de sensacións na Inglaterra do século XIX. As interpretacións de “A importancia de chamarse Ernesto” son memorables, tanto no ámbito masculino coma no feminino creando dous divertidos círculos nos que a amizade, o amor e a traizón aparecen bañados cun sentido do humor moi inglés, o que fai que os desagravios non amarguen ó espectador senón máis ben o integren na historia dun modo tan astuto que nin eles poden controlar. Dos secundarios xa non digo nada porque, que dicir de Tom Wilkinson e Judi Dench, a gran Judi Dench. Poida ser que o filme non lle aporte nada novo á máis famosa versión cinematográfica da obra, a realizada no 1952 por Anthony Asquith e interpretada polo gran Michael Redgrave, pero si hai que renderse ante o estilo depurado, o gran coñecemento da falsidade imperante, a transgresión das austeras normas da época, a ironía, a sensibilidade, o individualismo, a sutileza, a lucidez e a réplica brillante do escritor Oscar Wilde, como diría o crítico Javier Ocaña. A deliciosa obra de Wilde está moi ben representada e en parte favorecida por ser unha obra de teatro. Comedia moi entretida que consegue que a vexamos cun sorriso de orella a orella, algo nada fácil no cine de hoxe.

Te puede interesar