Opinión

Froito da improvisación

O filme “O louco do pelo vermello” (1956) estaba baseado nunha novela de Irving Stone que se publicara tres anos antes. En canto soubo que se rodaría tal filme, Vincente Minnelli postulouse ante a MGM como director, e iso que tal tipo de produción non coincidía moito cos seus traballos anteriores. Por exemplo, boa parte das escenas rodaríanse en exteriores e o presuposto, bastante limitado, impediría a detallada planificación á que Minnelli estaba habituado. E vendo o resultado, custa crer que boa parte da rodaxe fora froito da improvisación; pero o certo é que o guión cambiaba sobre a marcha e que as localizacións decidíanse a diario.

Despois de meses de lecturas e de documentarse, tanto Minnelli coma John Houseman (o produtor) convertéranse en auténticos expertos en Van Gogh (porque “O louco do pelo vermello” non é outro que Vincent Van Gogh), e Kirk Douglas sentía que sería un dos papeis da súa vida.

Un dos grandes logros do filme foi a súa capacidade para transmitir o proceso creativo dun artista atormentado, algo que logran en gran medida grazas á calidade das reproducións e a credibilidade das pinturas nas súas diferentes fases de desenvolvemento. Outra das obsesións de Vincente Minnelli era que o aspecto visual da película evocara a luz e as cores de Van Gogh. Para iso optou por rodar en Ansocolor, un tipo de negativo que se deixara de comercializar. A Metro mercou os derradeiros rolos e tivo que habilitar un laboratorio especial para o seu revelado. Co paso do tempo, estas copias perderían calidade e tan só, hoxe, as versións restauradas manteñen a forza cromática do orixinal.

De todos é sabido que “O louco do pelo vermello” foi un auténtico éxito e que Anthony Quinn obtivo un máis que merecido Oscar encarnando a Gauguin, por unha intervención que non ocupa máis de dez minutos. Pero que dez minutos! Kirk Douglas, ó que tamén nomearan como mellor actor, quedou ás portas. Vincente Minnelli sempre asegurou que era a película favorita da súa filmografía e os críticos considérana coma un dos mellores expoñentes do xénero de cine e pintura. Unha película que semella rodada dentro dun dos cadros de Van Gogh.

Te puede interesar