Opinión

A gran identidade dun pobo

Arrefrían os xeonllos. É igual. Hai que aguantar coma os heroes. Como certos heroes. Hai que dicir que hai moito heroe por aí solto que é heroe de pouca monta, de cagar entre o millo, falando claro. Por certo, antigamente facíase iso, o de ir baixar o pantalón ás leiras do millo. As follas do millo eran boas para aquilo. Outro por certo, o de baixar o pantalón hai que recoñecer que quedaba así como máis fino. Claro que chocaba un pouco. O de oírlle iso a uns pobres labregos acostumados a esbardallar a base de, por que non, insultos e palabras mal soantes contra as vacas ou o burro, contra o fouciño ou a gadaña, contra a vida mesma. Non obstante, esa besta que levamos dentro, en certos momentos, sabemos controlala. Ás veces, naqueles tempos, tamén imperaba a educación contra a barbarie. Que carallo, a alma, o celme, o sentimento do pobre labrego si merece o substantivo de heroe. O labrego antigo nunca foi un heroe de pacotilla. Foi algo máis que heroe. Foi a esencia, a gran identidade dun pobo, dun país que nunca soubo mirar por el. Aínda hoxe non sabe mirar por el. Nunca saberá mirar por el.

Te puede interesar