Opinión

A gran Katharine Hepburn

Katharine Hepburn foi unha das actrices máis grandes que pariu Hollywood, pero tamén tivo o seu carácter e as súas manías. Din que nadaba en pleno inverno nas augas xeadas de Long Island e que vivía arrodeada de flores frescas. Gañou catro Oscars, obtivo doce candidaturas e cuspiulle a Joseph Mankiewicz porque non estaba de acordo cunha escena. Incluso o propio John Ford, o gran John Ford (que mantivo un idilio con ela) desesperouse durante a rodaxe de “María Estuardo” de tal maneira que lle espetou que a dirixira ela.

Pero como esta é unha columna cinematográfica, falemos de cine; peguémoslle un pequeno repaso a certas películas que nos amosaron como era a Hepburn como actriz. Así, direi que gañou o seu primeiro Oscar co filme “Gloria dun día”, que Lowell Sherman dirixiu en 1933, e no que interpretaba a unha mociña inxenua que quería ser actriz, polo que se desprazou a Nova York en busca de fama e algún romance. En “A fera da miña nena” (1938) cantoulle unha nana a un leopardo e con Cary Grant deambulando á súa beira. O gran Howard Hawks deixounos unha comedia frenética e moi fina.

En 1940 xuntouse con Cary Grant e James Stewart para protagonizar unha das comedias máis bonitas que pariu o cine en toda a súa historia: “Historias de Filadelfia”, onde interpreta a unha aristócrata, fermosa e perfecta, demasiado perfecta para deixarse querer. Perdeu o Oscar fronte a Joan Fontaine, que esta acadouno por “Sospeita”, de Hitchcock.

Nove anos máis tarde volveu xuntarse co gran amor da súa vida (quizais o mellor actor de todos os tempos), o inmenso Spencer Tracy no filme “A costela de Adán” (1949), onde representa a unha muller libre que, nun instante sen volta atrás da súa vida, entende e decide que afondará aínda máis na conquista da liberdade.

E foi en 1951 cando rodou unha das súas mellores longametraxes, a marabillosa “A Raíña de África”, dirixida por John Huston e acompañándoa un divertido e inmenso tamén Humphrey Bogart. Muller entrada en anos, virxe, beata, puritana e conformista que segundo avanza polo río abaixo as turbulencias da súa vida desátanse de forma frenética.

Te puede interesar