Opinión

O gran servo do labrego

Este venres pasado aparecía nas páxinas deste mesmo xornal unha noticia acaecida o día anterior sobre a sorpresa da xente ó ver a unha muller con dous burros pola rúa do Progreso. Agora hai que saber se tal sorpresa se debeu a ver os burros pola cidade ou a de ver simplemente os burros. Porque hai que recoñecer que case ou sen case están en extinción. Unha pena, unha auténtica pena.

Creo que de todos é sabido a miña admiración pola vaca na nosa terra; polo que é e polo que representou. Pois ben, á hora da verdade, non me importaría poñer ó burro un chanzo máis arriba. A vaca representou moito para Galicia, pois a parte do traballo que facía, adoitaba manter a toda unha familia humana grazas ás súas crías e ó seu leite. O burro non daba isto; pero traballaba se facía falta como unha vaca (na miña casa mesmo, logo de vender as vacas aínda nos tiramos uns aniños traballando as fincas co burro, porque el araba, el apañaba o esterco e o que lle puxesen no carro) e despois facía o que non lle deixabamos facer ás vacas: traballar incluso cando se asaban os paxariños coa calor. Logo, para máis aquel, de facer todo iso, foi o animal máis maltratado que vin en toda a miña vida. Vin a xente zouparlle en todo o lombo coas trancas das portas, ata con fouces e fouciños. Resumindo, non mirabamos por el como se miraba polas vacas. Foi o gran servo do labrego.

Sobre o de chamarlle burros daría para un debate de varias xornadas. Porque de burros non teñen nada. Son listos, moi listos; polo menos os que tivemos nós. Un era tan listo que estivo esperando ó meu pai a que baixara dun castiñeiro (a onde subira para collernos unhas castañas) para botarlle a boca a unha nádega. A pesar de ser eu aínda un cativiño, lembro ben a marca dos dentes que lle deixou. E case todos os demais que tivemos eran tan listos, que nos lles importaba percorrer uns cinco quilómetros ou máis con tal de ir “ás mozas”. Desde o monte Medo, é dicir, case desde Os Milagres, os moi “burros”, nun despiste (e eu como sempre estaba coa vista posta nun libro...), largaban ata o muíño do Dositeo, preto da ponte das Cepas, porque sabían que alí o muiñeiro tiña a súa burra. Chámalle burro ó burro.

Te puede interesar