Opinión

Un grao por enriba da merda

Heladio Orixinario Sanmartín pensaba que estaba un grao por enriba da merda, pero non era máis que calquera veciño de Partovia. Escribira tres libros sobre os penedos que había detrás da súa casa e xa se cría un escritor profesional. No primeiro libro describía o seu colorido (gris, por suposto) e entre que analizaba a cor por cada punto cardinal, alá encheu as 60 páxinas das que estaba composto o “memorando”. Coa súa publicación, Heladio Orixinario Sanmartín empezou xa a comportarse de forma estraña. Algo así como “aquí estou eu e os demais que se f…”.

No segundo libro analizou a dureza dos mesmos penedos. E fixo máis ou menos o mesmo que no primeiro: que cun pequeno pico entrounos por aquí e por alá, e segundo as lascas que choutasen, os penedos eran de tal ou cal consistencia. Publicoullo o concello de Partovia e na súa presentación xa se viu vir a cousa: un grao por enriba da merda. Andaba por todas as rúas como un militar: cabeza alta, vista ó fronte. No terceiro, a análise versaba sobre os bichos existentes que en algún momento pousaban nos penedos; desde o propio ser humano (vaia bicho!) ata a pulga máis raquítica. Este tema deulle para 200 páxinas xustas. E da súa publicación xa non digo nada.

Te puede interesar