Opinión

Grazas á Hepburn

A celebración dunha voda da alta sociedade deulle a George Cukor a posibilidade de despregar o seu talento para o ritmo cinematográfico no filme “Historias de Filadelfia” (1940). Unha comedia na que nada sobra e nada falta e na que todo dura o que debe durar. Cukor enarbora a transparencia narrativa e aguza a súa retranca contra a prensa, os novos ricos e as aparencias sociais. A película funciona coa precisión dun reloxo, cun elenco de actores realmente impecable, unha posta en escena elegante e un ton narrativo tan acedo coma intelixente. “Historias de Filadelfia” é desas películas que deberían proxectar en todos os colexios e institutos, e  para ver todos os pais e nais. Ten todo o que unha comedia debe ter, desde un guión enxeñoso e romántico ata unhas actuacións que se saen.

Pero quizais a gran anécdota desta película está en que xurdiu nun dos momentos máis difíciles da súa protagonista. Katahrine Hepburn encadeara varios fracasos cinematográficos, ata o punto de que chegaron a catalogala como “veleno para a recadación”. Mais como esta actriz era de rapar e peitear, non se acovardou e déuselle por mercar (cos cartos do seu amante Howard Hughes), os dereitos dunha obra de teatro que aínda estaba en fase de escritura, pola que incluso abandonou Hollywood. Durante un ano encheu cada noite o teatro de Broadway no que representaba esa obra, “Historias de Filadelfia”, que se fixo para o seu lucimento. A Hepburn ocultara que ela fora a produtora e a dona dos dereitos e esperara a que os grandes de Hollywood fixeran cola ante a súa porta.

Ante isto, quen saíu ganando foi o todopoderoso Louis B. Mayer nunha negociación na que Katharine esixiu condicións. Solicitou que Cukor fora o director e tamén que contrataran a Spencer Tracy e Clark Gable, pero ningún dos dous aceptou. Foi Mayer quen lle ofreceu a James Stwart e 150 mil dólares extras para gastalos en calquera outro actor. Elixiu a Cary Grant, que traballou só tres semanas e doou o seu soldo a unha asociación benéfica. A película foi un éxito, que non lle reportou o Oscar a ela (si a Stewart), pero volveu a Hollywood pola porta grande, co sabor da vinganza nos beizos.

Te puede interesar