Opinión

Guerra mundial pandémica

Opinión

Guerra mundial pandémica

Se foran outras as circunstancias estou por apostar de que escribiría que xa está ben de falar de tanto covid-19, de tanto coronavirus e de tanta pandemia do carallo, que cando se fala moito dun asunto, dunha cousa acaba aburrindo (lembrade as críticas que lles boto ás campañas electorais, por exemplo). Mais, agora mesmo, non queda outra que seguir falando desa peste que nos está consumindo. Porque segue e segue, e semella que non vai ter fin.

O pasado martes 13 cumpríronse sete meses xustos desde que nos tocou apandar con este bicho. Case se pode dicir xa que isto é unha auténtica guerra mundial. E nunca mellor dito, pois estalle zorregando a todo o mundo, a todo o noso planeta. Coidadiño, que como nestes tempos manden a alguén a esas estacións espaciais que haberá espalladas polo universo adiante, seguro que tamén lles asomará o coronavirus.

Esta pandemia é certo que se pode comparar coma unha guerra; na que hai desertores, chámense eses energúmenos que non cumpren as normas e que só viven para os seus intereses; na que hai heroes, en referencia, por suposto, e en primeiro lugar, a eses traballadores da sanidade, e logo, quizais, a eses autónomos que malamente loitan por subsistir, e que si, como nas guerras, uns cantos quedan no camiño; na que hai, como en todas as guerras, mortos ás moreas, a carradas, ós que, os pobres, xa non lles chegaba con iso, senón que incluso nin sorte teñen para o seu derradeiro acompañamento: morrendo en soidade, enterrándose en soidade.

Este coronavirus trouxo, faltaría máis, non unha guerra, senón varias guerras políticas. Digo varias porque imaxino que en moitos países pasará o que pasa neste noso, no que zorregan labazadas a darlle cun sacho. O noso chama máis a atención porque é noso, vivímolo e case é verdade que si, que nos distinguimos un pouco máis dos demais en poñéndonos a parir uns e outros, en vez de arrimar o ombreiro. Menos mal que xa estamos acostumados.

Esta guerra universal pandémica leva pinta de durar como unha auténtica guerra armamentística ou relixiosa ou territorial ou petroleira. E non queda outra que aprender a sobrevivir nela. Ánimo e a sobrevivila.