Opinión

Guionista de éxito

A escritora Ruth Prawer Jhabvala alcanzou o cume da súa fama a unha idade abondo tardía, e ademais por un traballo que en certa ocasión seica desdeñou como hobby: a escritura cinematográfica. Os seus guións orixinais e as adaptacións de clásicos da literatura para o produtor Ismail Merchant e o director James Ivory lograron un gran éxito de espectadores e de crítica. O trío xuntouse por primeira vez en 1961 e fixéronse colaboradores case inmediatamente, e amigos de por vida.

O produtor Merchant propúxolle ó director Ivory producir unha película baseada nunha das primeiras obras da escritora, “The householder” (1960), e desta apareceu o filme “A parella moza” (1963). A partir de aquí e ó longo das seguintes cinco décadas, Ruth Prawer Jhabvala escribiu 23 guións. Entre as súas colaboracións atopamos as adaptacións de “Unha habitación con vistas” (1985) e “Regreso a Howards End” (1992), polas que acadou o Oscar. Polo filme “O que queda do día” (1993) non o conseguiu pero si a nomearon, que xa ten o seu mérito.

Ruth Prawer nacera en Colonia o 7 de maio de 1927 dunha familia de xudeus polacos e emigrou a Inglaterra no 1939, escapando do antisemitismo gobernamental e popular. Tocoulle vivir a época das leis que prohibían ós xudeus a practicamente todo. No Reino Unido estudou Literatura Inglesa e acadou un máster na Queen Mary College en 1951, que foi cando casou cun arquitecto indio e para a India marchou ata 1975, para, posteriormente vivir en Nova York.

Os guións de Prawer Jhabvala manteñen unha coherencia impecable co seu propio universo literario e esta identificación coa súa narrativa alcánzase á súa vez mediante un diálogo respectuoso coas fontes literarias, cuxos postulados asimílaos e aprópiaos a propia adaptadora. Así, toda a adaptación que reinterpreta Jhabvala é “unha obra nova pero de raíces recoñecibles”. Prawer non adoita construír heroes, senón que nos amosa o patético atrás de todo e de todos, do convencional e tamén do desexado. Os seus personaxes sempre son extremos: en mesquindade e en xenerosidade, en engano e en verdade. Estes sempre se deixan asoballar por aqueles, que son os triunfadores do mundo.

Te puede interesar