Opinión

Hai que darlle a volta

Imos alá. Cinco menos cuarto da tarde. Vai sol. Pero hai que estar pechados. Toda unha primavera perdida. Aínda así; ninguén nos roubará o mes de abril! Radio Futura cantando “A cara ou cruz”. A cruz será o noso confinamento, pero a cara... a ese bicho, vencerémolo! Os raios de sol penetran ata o mesmo sitio de onde escribo. Algo de envexa dan, claro que dan; pero que todo sexa pola causa. Por esa causa que non imos perder. Agora é Buika quen canta “Mentirosa”. Estes días méntese moito; uns e outros. Pero hai que pechar os ollos e tapar os oídos para seguir cara á adiante. Sempre haberá catro paspáns que se saian do rego. O reloxo avanza e pasa xa das cinco menos dez. O silencio viaxa no autobús da doenza. O ruído espera á volta dun recanto; ó que chegaremos, vaia se chegaremos. E díxolle a babosa ó sapoconcho: corre, corre, que te pillo. Ningún dos dous correu nada, pois quedaron a contemplar esta primavera que, para eles, si está, si a senten, si a gozan. Cinco e tres minutos da tarde. Dedos que percorren o teclado dun ordenador e música que alegra un tempo que quere ser triste pero tan só é silencioso. Quen dixo que a melancolía é o pracer de estar triste? Estes días poida que haxa moita melancolía, pero a tristeza é coma esa graxa que apartamos do caldo, coma ese lardo que lle quitamos á febra. Agora máis que nunca non deberiamos estar tristes. Hai que vencer esas ansiedades a base de música, lectura, actividades e mofa, moita mofa. Temos dereito a rirnos de calquera revés! Aquí estamos para darlle a volta.

Te puede interesar