Opinión

Hipocrisía nun deporte podre

Sigo dicindo que o fútbol é o mellor estudo ou análise sobre a personalidade humana. Nun partido de fútbol notas e ves ó momento como ese demo que levamos dentro asoma pola nosas bocas e polos ollos. No fútbol, tamén, como non, axiña descubrimos a hipocrisía da xente. Non hai moito, a maioría dos afeccionados españois acusaron a Guardiola e a Xavi de ser algo así como dous individuos que se vendían ó petrodólar e que vivían nun país no que os dereitos humanos brillan pola súa ausencia. Dicir que puxeron o grito no ceo é pouco dicir. Non obstante, levo uns días que noto que esa maioría non pon patas arriba as redes sociais nin os artigos de opinión sobre Arabia Saudí (u-los dereitos humanos?), lugar de celebración da Supercopa de España, na que participan os catro grandes equipos do noso país. Seguro que para eses “afeccionados tan listos”, a Federación, o Real Madrid, o Barcelona, o Atlético de Madrid e o Valencia fan ben en querer encher as arcas cos petrodólares dos xeques. No caso dos dous xogadores cataláns, pois que vai ser: que son uns renegados. Tamén é verdade que, no caso de encher as arcas, énchenas os dous grandes; que cobran 8 millóns de euros, mentres o Atlético vai que chuta con catro e o Valencia... o pobre Valencia non me estraña que “pasara” olimpicamente de facerlle fronte ó Real Madrid o outro día. Total, para tres millóns que vai cobrar. Para min ese día fixo folga, non de brazos caídos, senón de pernas folgazanas. E fixo ben. Este deporte está podre.

Te puede interesar