Opinión

A historia é dos podentes

Na noite do 14 ó 15 de abril de 1912 fundiuse o Titanic ó chocar contra un iceberg. Na noite do 14 ó 15 de abril ese mastodonte afundiu en menos de tres horas e levou consigo para as profundidades do océano Atlántico a 1513 persoas. Bastantes desas vítimas eran ricachóns e importantes personalidades que realizaban unha viaxe de pracer.

Entre todas as noites dos dez primeiros meses de 2020, do ano pasado, o mar Mediterráneo tragou a 945 persoas inmigrantes. Negros, claro. Africanos, por suposto. Pobres, que dicir. Só en dez meses. E mirade que levamos anos co problema da inmigración.

O afundimento do Titanic deixou e aínda deixa ríos de tinta. E películas. E programas radiofónicos. E libros. Os mortos no Mediterráneo deixaron, como moito, a maldita imaxe aquela do neno kurdo Aylan Kurdi que asomou afogado a unha praia de Turquía e con tan só tres aniños de idade. Seica removeu a conciencia de Europa. Pero todo o que se remexe acaba calmando. Detrás da tempestade chega a calma.

Tanto as 1.513 vítimas do Titanic coma os milleiros de inmigrantes afogados no Mediterráneo son, en definitiva, persoas. Pero iso é un dicir; xa que unhas son máis persoas que outras. Unhas encherán memorias e diarios e pantallas e libros e revistas, mentres que as outras furgarán de cando en vez nas conciencias dalgúns pamemiños que pensamos que ante estas denuncias imos arranxar o mundo. A historia é dos podentes.

Te puede interesar