Opinión

Historia de solidariedade

Deixando para outros xornalistas a crónica social e política (todo hai que dicilo) da apertura do 20 Festival de Cine de Ourense, un servidor pasa xa a analizar o filme que inaugurou este evento cinematográfico. A película, por suposto, é galega; para seguir a tradición de abrir o OUFF cunha galega ou que conta historias relacionadas coa nosa terra. Tamén se procura que teña certa calidade.

Aínda que “Lobos sucios” ten a súa orixe nunha curtametraxe documental que fixo no ano 2006 Felipe Rodríguez Lameiro, guionista xunto a Paula Cons e Noelia del Río desta versión en longametraxe (Carmen Abarca acabou dándolle forma definitiva ó guión), a historia orixinal xiraba en torno a un maquis fuxido das minas de volframio. Nesta nova interpretación, a película conta a historia de dúas irmás que residen nunha zona rural illada. Unha traballa no lavadoiro da mina e a outra dedícase ó estraperlo nas montañas. A trama arranca cando un espía belga ten a misión de facer unha sabotaxe no cargamento que van enviar os nazis ás fábrica de armas de Alemaña.

A acción transcorre entre 1944 e a fin da Segunda Guerra Mundial alá “na fin do mundo”, nun sitio acochado dos montes ourensáns, onde se oculta unha mina de volframio explotada polos nazis co beneplácito do franquismo. Historia de solidariedade. Película luminosa e entretida.

Ó director coruñés Simón Casal atraíalle moito o contraste entre un entorno cru e unha época, así como a forza, o amor e o sacrificio que xorden nela. A inmersión nun ambiente de desolación fronte a unha emoción e unha imaxe que se podía retratar dunha forma máis cálida e suxestiva. Nótase a potencia das emocións e as sensacións dos personaxes nese duro entorno. Película bonita. Con alma. Historia extraordinaria de mulleres loitadoras, na que se amosa a capacidade do ser humano de sacrificarse polos demais.

Contou cun presuposto de 1.796.714 euros e rodouse en menos de seis semanas, en varias minas, túneles e con todas as dificultades orográficas e climatolóxicas que, en Galicia, xa se sabe que son moitas.

Te puede interesar