Opinión

O home que quería cruzar o mar

Con parsimonia achegueime co rapaz ata os penedos de Barricobos. Alí sentamos, miramos cara ó horizonte, ou sexa, para o Río Vello e logo dun tempo en silencio... deixa que che conte aquel conto que alguén lle contou ó escritor que o escribiu. Era sobre un home que quería cruzar o mar para chegar a unha das illas afortunadas. A verdade é que no conto non se conta o que foi buscar, porque case toda a acción se desenvolvía no mar. No mar sobre unha pequena barca que collera ás agachadas. O home remaba con ansia. O home remaba cun nó na gorxa. O home xemía en cada golpe de remo. E suaba. E soñaba con chegar. Aínda que el ven vía que se lle estaba facendo eterna a viaxe. Nunca pensou que lle custaría tanto alcanzar a recompensa. Que recompensa? O conto non o contaba, non a descubría. Pero, espera que sigo. O home non deixaba de mirar ó lonxe. E remaba. E remaba. E remaba. Por momentos caía esgotado sobre a pequena barca. Os beizos xa os tiña gretados. Axiña se incorporaba e seguía dálle que dálle. Cando menos o esperaba, alá estaba: a terra da illa afortunada. O seu sorriso chocou contra o mar e un lóstrego de felicidade bambeou a barca. Pero chegou san e salvo á costa. O primeiro que viu foi unha rula. Sabías que nesa illa tamén había rulas? O home ó ver a rula empreñou de melancolía e tan só por iso soubo que  a viaxe merecera a pena. Con todas as rulas que hai na súa terra... E aí precisamente rematou o conto. A ti paréceche que este conto se contou a medias?

Te puede interesar