Opinión

Homenaxe a Julio López Cid

Coincidencias da vida. Xusto ó día seguinte de acabar de ler un libriño titulado “Sombra tendida”, de Julio López Cid, a familia e algúns amigos realizáronlle ó autor do mesmo unha pequena homenaxe (morto hai uns meses) no Liceo de Ourense. Por que non ir? E fun. Ademais, creo que é á primeira homenaxe á que teño asistido dun autor ourensán. E fixen ben. Alí, entre uns cantos sobriños e algún amigo, desagregaron, esfollaron un chisco a vida e a obra do autor que foi íntimo do gran poeta Ángel Valente e de María Zambrano. Ó mesmo tempo, entre intervención e intervención, outro sobriño dáballe ó piano porque era unha das paixóns de Julio López Cid. Léronse cartas e léronse poemas, e dixéronse palabras fermosas, como as de Pepe Bouzas, veciño molgués que foi, precisamente, o que me agasallara co libriño citado ó principio, e do que só se fixo unha tirada de 250 exemplares, numerados a man (o meu, por certo, é o exemplar número 187). Deste libriño recalco, faltaría máis, que foi prologado, maquetado e ilustrado por Bouzas. Seguindo coa homenaxe, alí se falou da súa tardanza na escritura (ós 33 anos) e da forma en que escribía (a impulsos), pero corrixindo moito. A gran anécdota estivo na forma en que oía algunhas pezas do sobriño ó piano: por teléfono, de cando Julio vivía en Suiza.

Te puede interesar