Opinión

Homenaxes

Todos sabemos que a esencia dun festival cinematográfico son as películas. No Festival de Ourense acontece o mesmo. Pero isto non é óbice que, a maiores, se desenvolvan outras actividades relacionadas, por suposto, coa sétima arte. Adoitan facelo todos os festivais e o de Ourense quizais sexa dos que máis actividades leva a cabo, destacando, para min, a chamada OUFF Escola, na que se lle adoita dar impulso a esa mocidade que quere tirar cara adiante no aspecto audiovisual.

Pero para o público maioritario, creo que o segundo punto de interese do festival, logo das propias películas, son ou premios ou homenaxes ou dedicatorias. Na 23 edición hai tres personaxes que sobresaen por enriba de todo. Dos dous máis coñecidos, un xa hai tempo que traspasou incluso, non só as fronteiras da nosa comunidade, senón as da propia España. E traspasar as fronteiras cinematograficamente falando é nomear ó mesmo Hollywood, que xa son palabras moi maiores. Falo do gran Luis Tosar. E Mabel Rivera se non as traspasou (pero, coidadiño, tamén chegou a traballar cun, digamos,  asentado no cine ianqui: Milos Forman) é porque, ás veces, a estrela, a fortuna, a variña máxica toca nunhas cabezas e non noutras. Porque dona Mabel Rivera é unha señora artista. É máis, pero moito máis que uns “Pratos combinados” e que un merecido premio por “Mar adentro”. Presentadora, tradutora, axudante de dirección e dobradora (por certo, a voz da miña Michelle Pfeiffer en “La edad de la inocencia”, de Scorsese).
E sobre a Calpurnia de Honra, ou sexa, o ourensán Xavier Bermúdez merece outra crónica.

Te puede interesar